Tuesday 17 de September de 2024

A Xunta fai fincapé na prevención das caídas de altura pola instalación de paneis solares en cubertas


― A campaña específica do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) contén explicacións sinxelas e resumidas en forma de alerta, ademais doutro documento coa normativa de aplicación e as distintas obrigas dos implicados

― No marco da campaña, estanse a realizar visitas a distintas empresas en cuxas cubertas estean funcionando paneis solares, ademais de a obras de construción nas que estea prevista a colocación deste tipo de instalacións en cuberta

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, fai fincapé na necesidade de previr as caídas de altura por mor da instalación de paneis solares en cubertas. A campaña vixente realizouse en colaboración co sector da construción, entre o que se vén distribuíndo toda a documentación técnica precisa para contribuír a reducir a sinistralidade laboral.

Debido ao aumento da instalación de paneis fotovoltaicos nas cubertas de edificios ou de empresas increméntase tamén a súa necesidade de mantemento e reparación, o que comporta riscos -especialmente- de caída de altura. Por iso, a campaña inclúe a publicación e difusión de dous documentos. O primeiro, en forma de alerta, consta de explicacións sinxelas e resumidas. O segundo, máis extenso, cita a normativa que resulta de aplicación nestes casos e recolle as distintas obrigas dos implicados nesta actividade, tanto dos que teñen instalados paneis solares nas súas cubertas, como dos que deciden instalalos e dos instaladores.

Así, entre as recomendacións que se inclúen atópase a de analizar o estado da cuberta, a situación dos paneis solares, a forma de acceso, permanencia, circulación e descenso da cuberta, así como as posibles situacións de emerxencia que se poden dar. Establécese que o persoal traballador debe coñecer o modo de acceder e permanecer de forma segura así como os equipos para empregar e contar coa capacitación e a formación necesarias. Se é necesario elaborar un proxecto, débese integrar a prevención de riscos laborais no deseño da cuberta garantindo que conte con elementos para acceder a realizar os labores de inspección e mantemento en condicións de seguridade.

Cómpre enadir que, no marco da campaña, estanse a realizar visitas a distintas empresas en cuxas cubertas estean funcionando paneis solares, ademais de a obras de construción nas que estea prevista a colocación deste tipo de instalacións en cuberta.
Deste xeito, a campaña está dirixida ás empresas instaladoras de paneis solares, ás promotoras, ás construtoras, así como a empresas ou entidades que teñan colocados estes paneis en cubertas. Tamén aos servizos de prevención e delegados de prevención, representantes sindicais, asesorías e mutuas colaboradoras, así como a proxectistas e coordinadores de seguridade e saúde laboral e a outros axentes relacionados co sector.

Campaña co Insst

O Issga ten vixente outra campaña en colaboración co Instituto Nacional de Seguridad y Salud en el Trabajo (Insst), co gallo de sensibilizar ás empresas e traballadores autónomos que executan calquera tipo de traballo en cuberta, así como aos titulares dos edificios, facilitando os criterios técnicos que se deben seguir para que estas tarefas se realicen con seguridade. A acción O importante é baixar con vida incide tamén no papel que desempeñan neste tipo de obras as comunidades de veciños como promotoras dos traballos e recolle os aspectos preventivos a ter en conta nas diferentes fases do proxecto.

No marco desta campaña tense distribuído material informativo e en redes sociais, explicando -por exemplo- as seis etapas clave que se deben seguir para traballar con seguridade sobre unha cuberta e o papel que desempeñan o promotor/titular do edificio e o contratista en cada unha delas. Así, debe atenderse á recompilación de información previa á obra sobre a cuberta, á selección do contratista e á axeitada planificación dos traballos para unha posterior preparación, execución e finalización deses traballos sen riscos para a seguridade laboral.
Ligazón á campaña do Issga: https://issga.xunta.gal/gl/campanas/paneis-solares-en-cuberta-recomendacions-preventivas-contra-caida-de-altura
Ligazón á campaña do Issga e o Insst: https://issga.xunta.gal/gl/campanas/traballos-en-cubertaso-importante-e-baixar-con-vida